Wednesday 15 de May de 2024

A moción socialista para instar ao bipartito a elaborar o I Plan de Igualdade da Administración Local será aprobado por unanimidade


A moción socialista para instar ao bipartito a elaborar o I Plan de Igualdade da Administración Local será aprobado por unanimidade

De aprobarse este plan, Santiago pasaría a ser o sexto concello de Galicia que conte cun plan de igualdade para a súa administración
A edil socialista, Marta Abal recalca que, con este paso, “avanzamos cara unha igualdade efectiva de trato e oportunidades en materia de promoción no emprego público”

Santiago de Compostela, 24 de outubro 2023. Co obxectivo de avanzar cara unha igualdade de trato e oportunidades no emprego público o grupo socialista levará ao próximo pleno unha moción instando ao bipartito a elaborar o I Plan de Igualdade da Administración Local. Un plan, que será aprobado por unanimidade ao subscribilo o resto de forzas con representación en Raxoi e que busca marcan “as estratexias ou medidas a adoptar” para a consecución de esa igualdade, explica a concelleira Marta Abal.

A edil socialista recorda que tanto a Lei Orgánica de igualdade efectiva de mulleres e homes, como o Estatuto Básico do Empregado Público, obrigan a todas as administracións públicas a establecer un Plan para a Igualdade entre mulleres e homes nos seus respectivos ámbitos. Advirte Abal ademais de que nas administracións públicas “reprodúcense as mesmas dinámicas, roles, costumes e estereotipos de xénero” igual que en calquera outra organización ou ámbito. Uns roles que son a base das desigualdades entre homes e mulleres.

Precisamente eses prexuízos de xénero, as condutas sexistas e as “barreiras invisibles” inflúen “na promoción profesional, provocando unha segregación ou representación desigual segundo as ocupacións profesionais” continúa Marta Abal que, asegura, “con isto poñemos os cimentos que permitan ao noso concello ser tamén exemplo en políticas de igualdade dentro do Pazo de Raxoi”.

De facerse efectivo este plan, Santiago pasaría a ser o sexto concello de Galicia que conte cun plan de igualdade para a súa administración, xunto con A Coruña, Vigo, Barreiros, Mos e Muras.